Ir o contido principal

Especialistas repensarán na Facultade de Humanidades as claves da escola do futuro

Especialistas repensarán na Facultade de Humanidades as claves da escola do futuro
Especialistas repensarán na Facultade de Humanidades as claves da escola do futuro
UNIVERSIDADE DE VERÁN 2015

Do 3 ao 4 de setembro de 2015 celebrarase na Facultade de Humanidades de Lugo o curso ‘ A escola de onte, hoxe e mañá: 3 claves, 6 desafíos’ que forma parte da programación da Universidade de Verán 2015. Este encontro que conta coa colaboración da Deputación e do Concello de Lugo e APEGA, está dirixido por Mª Dolores Fernández Tilve, profesora da Facultade de Ciencias da Educación da USC e membro do grupo Stellae, e por Gonzalo Francisco Fernández Suárez, profesor da Facultade Humanidades da USC, e ten como secretaria a Marta Poncet Souto, profesora da Facultade de Formación do Profesorado da USC. En opinión dos seus promotores, a rapidez coa que se están a producir os cambios na sociedade actual e a conxuntura económica vivida fai que a escola teña que adaptarse ás novas esixencias e demandas actuais. “Porén faise máis necesaria que nunca a unión de sinerxías na ardua pero apaixoante tarefa socioeducativa”, argumentan sobre a pertinencia da proposta. Neste senso, este espazo formativo ten como finalidade servir de foro de debate e discusión entre todos os axentes socializadores e colectivos implicados no traballo educativo (profesorado, familia, orientadores, directivos escolares, formadores de formadores, educadores sociais, sindicatos, membros de asociacións profesionais, medios de comunicación social, inspectores escolares ou traballadores sociais, entre outros) para así “ser capaces de asumir entre todos os desafíos educativos de hoxe e mañá, partindo das claves de onte”, engaden. Os organizadores agardan que o evento sirva para poñer de manifesto “as inquedanzas, así como as estratexias para afrontar os problemas educativos de hoxe e mañá, creando un diálogo crítico e construtivo entre todos e para todos”. Para facilitar o seguimento das distintas sesións, este curso incluirá intérpretes de lingua de signos. A matrícula pode formalizarse ata o 21 de agosto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.07.2015.