Ir o contido principal

O I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa apela á “rehumanización e ao compromiso social” para achar solucións

Quicios, González, Bueno, Gueimunde e Fernández, na clausura do congreso en Humanidades
Quicios, González, Bueno, Gueimunde e Fernández, na clausura do congreso en Humanidades
O vicerreitor Javier Bueno pechou este venres na Facultade de Humanidades o foro organizado pola Uned e a USC para “dar voz e visibilidade ao colectivo de refuxiados”

O I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa, organizado pola UNED e a USC coa pretensión de “dar voz e visibilidade ao colectivo de refuxiados” apela á “rehumanización e á maior implicación e compromiso dos distintos axentes políticos e sociais” para achar solucións que permitan dar resposta ao grave problema que constitúen os movementos migratorios por Europo de milleiros e millóns de persoas que se ven na obriga de deixar a súas casas e os seus países de orixe para poder salvar así a súas vidas, segundo indicou a presidenta do comité organizador deste congreso, María Dolores Fernández Tilve.

A profesora Fernández Tilve sinalou no acto de clausura que as distintas sesións programadas no marco deste congreso pioneiro pola súa temática centrouse na análise da situación actual dos emigrantes e refuxiados en Europa, así como no debate sobre a resposta política e socioeducativa que se está a dar para atender as singularidades que presentan estes colectivos vulnerables e na sensibilización sobre a necesidade de formación técnica para a atención de emigrantes e refuxiados. As distintas comunicacións científicas presentadas e as conclusións acadadas representan unha documentación de vital importancia para avanzar no futuro cara a adopción e implementación de medidas e iniciativas políticas e económicas orientadas a solucionar a situación que están a experimentar os refuxiados/as, dixo Fernández Tilve. Esta docente da USC, que compartiu a presidencia do I Congreso Internacional Migración e Refuxio en Europa coa profesora da UNED Pilar Quicios García, lembrou que as conclusión do congreso quedarán recollidas nun volume da editorial Dykinson, e tamén darán pé á elaboración dunha revista. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema, acompañou ás dúas presidentas do comité organizador deste congreso sobre migración e refuxio nunha sesión na que tamén participaron a concelleira de Asuntos Sociais do Concello de Lugo, Ana González Abelleira, e a xefa territorial en Lugo de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Carmen Gueimunde. Bueno sinalou na súa intervención o compromiso e a sensibilidade amosada cara o colectivo de refuxiados pola USC, como o proba a posta en marcha dun programa de acollida refuxiados que dará cobertura a un total de 10 mozos e mozas durante os próximo lustro. “É un programa modesto, pero importante, porque na actualidade xa a está a permitir que dúas persoas que tiveron que fuxir de Siria estean a completar estudos universitarios na USC”, dixo Bueno. A función social das universidades públicas tamén foi o argumento esgrimido por Gueimunde, para quen “unha universidade pública debe ollar a sociedade na procura de reflexionar sobre as súas problemáticas e atopar solucións”. Unha idea semellante foi a transmitida pola edil luguesa Ana González Abelleira, quen lembrou que o Concello de Lugo é desde hai máis dun ano unha entidade de acollida de refuxiados.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2016.