Ir o contido principal

As claves e os futuros desafíos da escola centran a temática dun volume interdisciplinar coordinado por profesores da USC

De esquerda a dereita, Gonzalo Fernández, Lara Méndez, Carme Silva, Álvaro Santos e Mª Dolores Fernández, na presentación da obra
De esquerda a dereita, Gonzalo Fernández, Lara Méndez, Carme Silva, Álvaro Santos e Mª Dolores Fernández, na presentación da obra

As claves e os futuros desafíos que lle agardan á escola centran as reflexións realizadas por distintos especialistas do ámbito educativo e compiladas no volume ‘La escuela de ayer, hoy y mañana. Claves y desafíos’, unha obra coordinada polos profesores da USC Gonzalo Francisco Fernández Suárez e María Dolores Fernández Tilve na que se aborda desde unha perspectiva multidisciplinar as problemáticas actuais e os futuros desafíos educativos.

O ensino na idade moderna na cidade de Lugo, competencias para a escola da post modernidade, Lomce, educación en valores, atención á diversidade na escola como prevención de riscos, competencias do orientador escolar, educación emocional, formación inicial e permanente do profesorado, e riscos asociados a Internet e ás novas tecnoloxías, constitúen algúns dos aspectos analizados neste libro, unha obra xurdida a raíz dun curso de verán celebrado na Facultade de Humanidades do Campus Terra da USC e coa que se pretende favorecer unha reflexión colectiva sobre a educación e a súa importancia no actual contexto social como clave para a resolución dos problemas. A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, guiou este luns a presentación deste novo volume, no marco dun acto no que tamén interviñeron os coordinadores da obra, así como a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o vicepresidente da Deputación Provincial de Lugo, Álvaro Santos, as dúas institucións que financiaron a celebración do foro estival da USC e a posterior publicación desta obra.

O desexo de que a escola, como primeiro paso do proceso educativo, e por ende, a educación, sexa considerada como plataforma de vertebración nos procesos de desenvolvemento social e económico, foi un dos argumentos esgrimidos por todos os relatores que participaron nesta sesión, na que, entre outras ideas, tamén se puxeron de manifesto algunhas particularidades que diferencian as escolas rurais daquelas emprazadas en núcleos urbanos, ao tempo que se fixo fincapé na progresiva desigualdade de oportunidades dalgunhas persoas e estamentos sociais á hora de acceder ao goce dun dereito como é a educación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.01.2017.