Ir o contido principal

O futuro do patrimonio cultural da cidade de Mondoñedo, a debate en setembro nun curso da Universidade de Verán da USC

Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC
Cartaz da Universidade de Verán 2017 da USC
O prazo de matrícula neste seminario estival, que se desenvolverá os días 4 e 5 de setembro, permanece aberto ata o 25 de agosto

‘O futuro do patrimonio cultural: O caso da cidade de Mondoñedo’ é o título do curso incluído na programación da Universidade de Verán da USC que se desenvolverá os días 4 e 5 de setembro na Casa da Xuventude do concello mindoniense. Estruturado en 21 horas lectivas e aberto á participación dun máximo de 60 persoas, este programa estival de formación e divulgación científica, está dirixido polos profesores da USC na Facultade de Humanidades do Campus Terra Gonzalo Francisco Fernández Suárez e Ana Goy Diz.

Os obxectivos deste programa incluído na Universidade de Verán 2017 da USC son amplos. Daquela, entre os cometidos desta actividades figuran a análise do patrimonio cultural da cidade de Mondoñedo contemplado dende diferentes ópticas (patrimonio histórico, artístico e documental). O estudo das oportunidades, fortalezas, debilidades e ameazas derivadas da declaración do Camiño Norte como patrimonio da humanidade constitúe outra das premisas deste foro.

Os promotores deste foro estival da USC pretenden facer deste curso un foro de reflexión sobre a dimensión histórica da cidade e antiga provincia de Mondoñedo e o seu impacto nas manifestacións culturais actuais. A análise da situación do patrimonio documental municipal mindoniense e a súa posta en valor e difusión mediante diversas estratexias e a situación do patrimonio artístico e o seu valor como factor de desenvolvemento económico son outras premisas dun curso no que intervirán unha ducia de relatores.

As persoas interesadas en obter máis información respecto do programa deste curso de verán da USC, poden facelo a través da web da Universidade de Verán da USC 2017, onde tamén se é posible formalizar a inscrición neste programa, para o que está aberta a matrícula ata o vindeiro 25 de agosto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.07.2017.