Ir o contido principal

Inicia a súa andaina o grupo Atalaia, centrado nas problemáticas socioeducativas emerxentes

Docentes, orientadores, inspectores escolares e asesores técnicos conforman o equipo
Docentes, orientadores, inspectores escolares e asesores técnicos conforman o equipo

A USC amplía o seu catálogo de grupos de investigación coa creación de Atalaia, grupo interdisciplinar coordinado pola profesora Mª Dolores Fernández Tilve, docente da Facultade de Ciencias da Educación e integrado por profesionais diversos pertencentes á contorna universitaria e non universitaria. Dende docentes ata orientadores, inspectores escolares e asesores técnicos con diferentes experiencias académicas e inquedanzas socio-educativas comúns, o grupo pretende buscar sinerxías para construír unha escola e unha sociedade mellor.

Atalaia conta con liñas de traballo diversas co fin de profundar en problemáticas socioeducativas emerxentes, como a formación e desenvolvemento profesional de profesionais, a inclusión socioeducativa, a educación patrimonial ou o patrimonio documental. Como traballadores/as do coñecemento, o grupo ofrece asesoramento e apoio a centros e comunidade educativa; estudos e servizos técnicos a institucións e axentes socio-educativos; formación psicopedagóxica a profesionais da formación; e recursos formativos a profesionais en activo e en formación.

O feito de que o propio grupo de investigación aglutine profesionais de diferentes centros, campus e áreas de coñecemento posibilita a construción do saber dende unha perspectiva ampla e interdisciplinar para poñela ao servizo da sociedade en xeral e da comunidade de prácticos en particular.

Logo do novo grupo

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.09.2018.