Ir o contido principal

O encontro ‘A xestión cultural a debate’ reúne máis dun centenar de participantes este mércores na Facultade de Humanidades

Cartaz da xornada
Cartaz da xornada
A sesión inaugural do programa desenvolverase ás 9.30 horas

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC acolle desde este mércores 30 de xaneiro ao 1 de febreiro de 2019 un foro aberto e de debate sobre a realidade e as potencialidades da xestión cultural desde a óptica profesional, académica e de inserción laboral. O encontro ‘ A xestión cultural a debate’, coordinado polos profesores Carme Silva Domínguez e Gonzalo Francisco Fernández Suárez, constitúe unha iniciativa da Facultade de Humanidades orientada a avanzar na definición máis precisa do espazo profesional e formativo máis acaído para o emerxente perfil laboral da xestión cultural, tanto en espazos públicos como no ámbito da iniciativa privada.

A sesión inaugural deste foro desenvolverase a partir das 9.30 horas, no salón de actos do centro universitario lugués, no marco dun acto no que participarán o adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo para Cultura, Jesús Varela Zapata; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; o coordinador o encontro, Gonzalo Francisco Fernández Suárez; a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez; a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto, e a xefa territorial de Cultura en Lugo, María José Gómez Rodríguez.

O director honorífico da Cátedra Unesco ‘Políticas Culturais e Cooperación’ da Universidade de Girona, Alfons Martinell Sempere, abrirá, ás 10.00 horas, a quenda de relatorios cunha intervención sobre o xurdimento e a necesidade dos graos en Xestión Cultural. Na súa exposición, Martinell repasará o traxecto xa percorrido pola xestión cultural no plano da formación universitaria desde a súas orixes no último cuarto do século pasado.

Martinell Sempere afondará na súa intervención na idea de que a cultura e a súa xestión constitúen campos o suficientemente amplos como para dar cabida a iniciativas privadas, profesionais, promovidas polas administracións... Aínda así e logo de recoñecer a evolución experimentada na sociedade española neste ámbito nas últimas décadas e a existencia de magníficos profesionais, Martinell Sempere defende a pertinencia da profesionalización da xestión cultural e decántase pola súa planificación na formación universitaria como un máster ou posgrao de especialización, tal e como sucede na maioría das universidades españolas, ao que deben achegarse persoas que conten xa con sólidos coñecementos previos en calquera outra área do saber.

Enmarcado na liña de traballo e de colaboración emprendida hai anos pola Facultade de Humanidades de Lugo en colaboración con outros centros de ensino universitario que imparten titulacións de grao en xestión e comunicación cultural, o programa deste encontro contará tamén entre os relatores convidados co director da Área de Investigación en Economía da Cultura e Turismo (Econcult) da Universidade de Valencia, Pau Rausell Köster, que impartirá, xa en quenda de tarde, o relatorio ‘A investigación en xestión cultural e a economía da cultura’.

Consultores privados e de entes públicos, técnicos de orientación laboral e xestores de comunicación completan a nómina de relatores que intervirán no primeiro bloque temático deste encontro, centrado na xestión cultural como grao universitario e espazo profesional. Cunha estrutura diferente, a través de relatorios e talleres prácticos, o encontro ‘A xestión cultural a debate’ afondará nas xornadas do xoves e do venres no deseño e na organización de eventos culturais durante o segundo bloque temático. A organización dun festival de bandas de música e a funcionalidade das escolas de música como modelos de xestión e dinamización social e cultural dun concello centrarán a primeira xornada deste bloque, que inclúe tamén relatorios sobre a creación de eventos e o turismo cultural, ademais dun taller sobre a xestión do parque arqueolóxico de Campo Lameiro.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.01.2019.