Ir o contido principal

A riqueza e o emprego que xera a cultura require formación universitaria específica, sinalan profesionais do sector

De esquerda a dereita, Gómez, García, Varela, Méndez, González e Fernández, en Humanidades
De esquerda a dereita, Gómez, García, Varela, Méndez, González e Fernández, en Humanidades
Docentes, investigadores, técnicos e profesionais do ámbito da cultura debaten en Humanidades sobre as necesidades e o futuro do emerxente perfil da xestión cultural

O encontro ‘ A xestión cultural a debate’, un foro aberto e multidisciplinar promovido desde a Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC coa intención de avanzar na definición do espazo profesional e formativo máis acaído para o emerxente perfil laboral da xestión cultural, tanto en espazos públicos como no ámbito da iniciativa privada, botou a andar este mércores cunha reflexión compartida sobre a pertinencia de que as persoas que desenvolven o seu cometido no eido da cultura e da súa xestión conten cunha titulación universitaria que garanta a súa formación e avale e recoñeza o seu traballo.

A idea de que a cultura é unha oportunidade de emprego e unha fonte de riqueza presidiu a sesión inaugural do foro ‘A xestión cultural a debate’, un espazo de debate e diálogo no que toman parte máis dun centenar de persoas e que terá continuidade ata o venres no campus de Lugo, “unha cidade e unha provincia con moito talento e cun patrimonio cultural enorme, tanto material como inmaterial, que xustifica a organización deste evento”, salientaron as autoridades participantes nun acto inaugural conducido polo adxunto á Vicerreitoría de Coordinación de Lugo para Cultura, Jesús Varela Zapata.

A decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; a xefa territorial de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez; a deputada provincial delegada da área de Cultura, Pilar García Porto; a alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez, e o profesor da USC e coordinador deste encontro, Gonzalo Fernández Suárez, tamén interviñeron na presentación deste foro de análise e debate arredor da cultura e da súa xestión, en cuxa organización tamén están implicadas as universidades de Huelva, Girona e Valencia, entre outras entidades e institucións.

A permanente vinculación da Facultade de Humanidades coa cultura, xa a través da formación regrada dos títulos que imparte, como da promoción profesional, organización, difusión de actividades, publicacións... fixo que este centro universitario encamiñara o seu futuro a unha titulación nova como é a de Xestión Cultural, lembrou Varela Zapata, quen tamén fixo fincapé en iniciativas pioneiras impulsadas desde a USC en colaboración con Concello e Deputación de Lugo como o ‘Lugo Cultural’, “un exemplo de boa xestión que permite gozar en Lugo dunha programación cultural estable de calidade igual ou superior á que hai noutras cidades máis grandes e que manexan máis orzamento”.

A aposta da Xunta de Galicia a prol da cultura, nomeadamente polo Xacobeo 2021, e que se fai visible na nova estrutura do goberno autonómico, foi outra das ideas lanzadas por Gómez Rodríguez neste foro, no que a deputada Pilar García Porto tamén deu conta da ampla programación cultural promovida pola Deputación Provincial de Lugo, xa a través da Rede Museísta Provincial, xa en colaboración con todos os concellos da provincia e da que ano tras ano gozan decenas de miles de persoas. Lara Méndez insistiu tamén na oportunidade que supón para Lugo afianzarse como referente cultural, tanto a través da posta en valor do seu patrimonio como a través da organización de eventos. A disposición do futuro auditorio de Lugo, prevista para este ano, axudará a seguir traballando a prol da cultura, dixo a alcadesa, quen salientou a riqueza e o emprego que xera a cultura na cidade e na provincia de Lugo, así como no resto de Galicia.

Programa e relatorios

O director honorífico da Cátedra Unesco ‘Políticas Culturais e Cooperación’ da Universidade de Girona, Alfons Martinell Sempere, abriu a quenda de relatorios cunha intervención sobre o xurdimento e a necesidade dos graos en Xestión Cultural. Así, tras unha presentación inicial a cargo da profesora da USC e coordinadora deste encontro, Carme Silva Domínguez, Martinell repasou o traxecto xa percorrido pola xestión cultural no plano da formación universitaria desde a súas orixes no último cuarto do século pasado.

Martinell Sempere afondou na súa intervención na idea de que a cultura e a súa xestión constitúen campos o suficientemente amplos como para dar cabida a iniciativas privadas, profesionais, promovidas polas administracións... Aínda así e logo de recoñecer a evolución experimentada na sociedade española neste ámbito nas últimas décadas e a existencia de magníficos profesionais, Martinell Sempere defende a pertinencia da profesionalización da xestión cultural e decántase pola súa planificación na formación universitaria como un máster ou posgrao de especialización, tal e como sucede na maioría das universidades españolas, ao que deben achegarse persoas que conten xa con sólidos coñecementos previos en calquera outra área do saber.

Enmarcado na liña de traballo e de colaboración emprendida hai anos pola Facultade de Humanidades de Lugo en colaboración con outros centros de ensino universitario que imparten titulacións de grao en xestión e comunicación cultural, o programa deste encontro conta tamén entre os relatores convidados co director da Área de Investigación en Economía da Cultura e Turismo (Econcult) da Universidade de Valencia, Pau Rausell Köster, que impartirá, xa en quenda de tarde, o relatorio ‘A investigación en xestión cultural e a economía da cultura’.

Consultores privados e de entes públicos, técnicos de orientación laboral e xestores de comunicación completan a nómina de relatores que intervirán no primeiro bloque temático deste encontro, centrado na xestión cultural como grao universitario e espazo profesional. Cunha estrutura diferente, a través de relatorios e talleres prácticos, o encontro ‘A xestión cultural a debate’ afondará nas xornadas do xoves e do venres no deseño e na organización de eventos culturais durante o segundo bloque temático. A organización dun festival de bandas de música e a funcionalidade das escolas de música como modelos de xestión e dinamización social e cultural dun concello centrarán a primeira xornada deste bloque, que inclúe tamén relatorios sobre a creación de eventos e o turismo cultural, ademais dun taller sobre a xestión do parque arqueolóxico de Campo Lameiro.

Público asistentes ás xornadas 'A xestión cultural a debate', en Humanidades

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.01.2019.