Pasar al contenido principal

Humanidades lidera unha rede de centros universitarios especializados en Xestión Cultural

Humanidades lidera unha rede de centros universitarios especializados en Xestión Cultural
Humanidades lidera unha rede de centros universitarios especializados en Xestión Cultural
A Universidade de Santiago de Compostela, a través da Facultade de Humanidades de Lugo, lidera xunto ás universidades de Córdoba, Girona e Huelva, unha rede de centros universitarios especializados...
Lugo

A Universidade de Santiago de Compostela, a través da Facultade de Humanidades de Lugo, lidera xunto ás universidades de Córdoba, Girona e Huelva, unha rede de centros universitarios especializados en Xestión Cultural á que veñen de adherirse outras dez universidades españolas e máis de vinte títulos universitarios coa intención de establecer sinerxías e fomentar accións conxuntas no seu ámbito de especialización.

 

O encontro ‘A xestión cultural a debate’ que tivo lugar na Facultade de Humanidades de Lugo no pasado mes de xaneiro, serviu como punto de partida para a creación desta rede e no que docentes convidados das Universidades de Córdoba, Huelva e Girona puideron dar a coñecer, xunto ao profesorado da USC, a súa perspectiva verbo da situación actual da xestión cultural.

 

O rol da Facultade de Humanidades, como elemento impulsor da rede, é fundamental, posto que actualmente impártese nela o grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural e nun futuro próximo acollerase un novo grao en Xestión Cultural. No encontro ‘A xestión cultural a debate’ xa se afondou en diversos aspectos relacionados coas titulacións deste eido: as súas relacións cos ámbitos humanísticos clásicos, as novas necesidades formativas dos seus docentes, os seus espazos propios de investigación, as características específicas dos seus Traballos Fin de Grao, os procesos de fomento da empregabilidade dos egresados, etc.

 

 

Para a decana da Facultade María Isabel González Rey "esta rede naceu para tomar consciencia do que nos unía como centros de formación, pero tamén da necesidade de darlle ao eido da xestión cultural un lugar destacado desde o ámbito universitario co obxectivo de crear sinerxías entre o mundo da formación académica e o sector profesional."

 

As universidades de Barcelona, Sevilla, Granada, Zaragoza, Islas Baleares, La Laguna, Castilla La Mancha, Valladolid, Murcia e Valencia completan unha rede capital para mellorar na docencia e investigación da Xestión Cultural, sobre todo se temos en conta que tan só en Galicia o sector da Cultura representa, segundo datos do Observatorio da Cultura Galega, o 3,5% do emprego total.  Ata o de agora son máis de vinte as titulacións que integran a Rede pero a súa conformación, tal e como explica o vicedecano Gonzalo Francisco Fernández Suárez, é un proceso aberto á incorporación de novos títulos pertencentes ao seu eido de especialización.

 

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.02.2022.