Ir o contido principal

O profesor Gonzalo Fernández Suárez, novo decano da Facultade de Humanidades da USC

Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano da Facultade de Humanidades
Gonzalo Francisco Fernández Suárez, decano da Facultade de Humanidades
Ana Goy Diz, en calidade de vice decana, e José María Anguita, na secretaría académica, completan o novo equipo de dirección do centro universitario lugués
Lugo

O profesor da área de Ciencias e Técnicas Historiográficas do Departamento de Historia da USC Gonzalo Francisco Fernández Suárez, vén de ser elixido este xoves decano da Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC. A catedrática de Historia da Arte Ana Goy Diz, en calidade de vice decana, e o tamén profesor José María Anguita, completan o novo equipo de dirección que sucede ao encabezado durante os últimos oito anos pola tamén catedrática da USC María Isabel González Rey e no que o decano electo xa desenvolvía as funcións de vice decano.

O compoñente humano, a proxección social da Facultade e das súas titulacións e a internacionalización son os tres eixos arredor dos que xira o programa presentado pola candidatura liderada por Fernández Suárez e apoiada en Xunta de Facultade con 21 votos a favor.

A promoción e difusión do título de grao en Xestión Cultural, un programa que comezará a impartirse o curso 2020-21 na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, capitaliza bo parte das accións inmediatas nas que xa está a traballar a nova dirección do centro, que xa recibiu o convite da Asociación Galega de Profesionais de Xestión Cultural para facer unha presentación desta nova titulación na próxima edición do Culturgal.

A Facultade de Humanidades tamén presentará a comezos de 2020 o novo título en Xestión Cultural no marco de Edugal, unha cita que está considerada como a principal feira ou salón máis importante de educación en Galicia, comentou Gonzalo Fernández, ao tempo que engadiu que este labor de difusión tamén se estenderá a todos os centros educativos de secundaria e Formación Profesional no que se imparten estudos e ciclos formativos relacionados con este ámbito temático ou con áreas afíns, tales como pode ser Turismo.

Alén das diversas iniciativas propostas para a posta en valor do novo título de grao en Xestión Cultural, para o que cómpre establecer un marco amplo de convenios con empresas e entidades nas que o alumnado poida desenvolver as prácticas contempladas no plano de estudos, o decano electo de Humanidades adiantou a pretensión do seu equipo de traballar a prol de que o centro universitario lugués acolla a sede da modalidade semipresencial do futuro Máster en Lingua Española para Estranxeiros, un título aínda en proceso de elaboración no marco do SUG. As aspiracións da Facultade de Humanidades ao respecto deste posgrao baséanse sobre todo na acreditada experiencia que xa conta este centro da USC na formación semipresencial, unha modalidade que require, polas súas singularidades, unha normativa específica e diferente á que regula o ensino presencial e que favoreza unha maior flexibilidade en cuestións relacionadas co calendario de exames ou, entre outras, cos períodos de permanencia para obtención do título por parte dun alumnado que “segue outro ritmo de aprendizaxe”, relatou Fernández Suárez.

Outra das aspiracións coas que comeza o seu traballo o novo equipo de dirección da Facultade de Humanidades é a de cubrir a curto ou medio prazo o baleiro deixado no centro pola supresión do título de grao en Lingua e Literatura Españolas cun novo título de grao ou máster acaído co perfil académico do centro universitario lugués.

De esquerda a dereita, Ana Goy, Gonzalo Fernández e José María Anguita

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.12.2019.