Ir o contido principal

A USC impulsa a museoloxía social e ambiental desde Lugo

Vista aérea dunha paisaxe da Ribeira Sacra
Vista aérea dunha paisaxe da Ribeira Sacra
Investigadores da USC ligados ao Movemento Internacional da Nova Museoloxía deseñarán desde o venres no Pazo de Tor as directrices socieconómicas para avanzar cara a unha museoloxía 4D, que aborda o estudo do patrimonio cultural centrado nas persoas e nos grupos sociais co obxectivo de converter os museos en institucións ao seu servizo
Lugo, Santiago de Compostela

A USC impulsa a museoloxía social, ambiental, participativa e sustentable no eido económico coa promoción dunha sección española do  Movemento Internacional da Nova Museoloxía (Minom-España), unha corrente que goza do respaldo do Consello Internacional dos Museos (Icom) e que desde a Mesa Redonda de Santiago de Chile (1972) traballa a prol da chamada museoloxía social, sociomuseoloxía ou museoloxía participativa, que aborda o estudo do patrimonio cultural centrado nas persoas e nos grupos sociais co obxectivo de converter os museos en institucións ao servizo das persoas.

A USC deu este novo paso a prol da museoloxía social no marco da XX Conferencia Internacional Minom-Icom, un foro que converte Lugo nunha das principais capitais do movemento Minom e cuxa sesión de clausura de presentación de conclusións se desenvolverá de xeito presencial os días 31 de xullo e 1 de agosto no Pazo de Tor (Monforte de Lemos). Esta decidida aposta da USC por facer das persoas o centro de atención dos museos acadou gran respaldo social, como o proba o feito de que entidades e institucións de recoñecido prestixio, como a Cátedra UNESCO ‘Educação, Cidadanía e diversidade Cultural’, o Departamento de Museoloxía da ULHT, o Centro de Estudos Interdisciplinares em Educação e Desenvolvemento, a Fundação para a Ciência e Tecnoloxía, o Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC, a Cátedra UNESCO de Migracións, os grupo de Investigación Iacobus e Atalaia da USC, o Consello da Cultura Galega ou mesmo ICOM España respaldaran a iniciativa

Xornada de clausura

A xornada de clausura da XX Conferencia Internacional Minom-Icom programada no Pazo de Tor, unha cita na que participarán os integrantes las delegacións lusas e españolas impulsoras dun cumio galaico-portugués promovido pola Rede Museística Provincial de Lugo e a Universidade Lusófona de Humanidade e Tecnoloxía de Lisboa xunto con outros representantes da museoloxía social, deparará como resultado a redacción da Declaración Lugo-Lisboa (2020). Este novo documento antóllase clave dentro da museoloxía social, dado que concretará as directrices, recomendacións e retos aos que terán que enfrontarse os museos no ámbito social, ambiental, político e económico en aras á sustentabilidade a á orientación da súa xestión cara a unha museoloxía 4D.

As primeiras sesións desta conferencia internacional, programadas inicialmente de xeito presencial en Lisboa e Lugo, veñen de celebrarse de xeito virtual por mor da situación excepcional deparada pola pandemia da COVID-19 baixo o título ‘Cara unha museoloxía 4D: social, ambiental, política e con economía sustentable’. Estes foros de análise e debate contaron coa participación de 657 congresistas, entre investigadores, profesionais de museos, educadores patrimoniais, xestores culturais, ademais dun amplo abano de perfís de persoas procedentes de 19 países. Alén da participación récord de congresistas, a audiencia acadada coa difusión das sesións programadas chegou a 8.754 personas, segundo a organización.

O obxectivo e a temática da XX Conferencia Internacional MINOM-ICOM xiraron arredor da sustentabilidade social, ambiental, política e económica dos museos, os catro ámbitos establecidos nas directrices da Axenda 2030 e sobre dos que debateron as persoas que tomaron neste congreso, a fin de analizar e, no seu caso, artellar mecanismos e estratexias que deberán desenvolver os museos e as institucións para poñer en valor o patrimonio das comunidades, ademais de defender a súa diversidade cultural.

Neste contexto e na liña dos principios da museoloxía social, a catedrática da USC e vicedecana da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo, Ana E. Goy Diz, participou como relatora do congreso cunha conferencia desenvolvida baixo o título ‘Ribeira Sacra: a definición dunha paisaxe cultura a partir das comunidades’. Na súa intervención, a profesora Goy Diz explicou o traballo desenvolvido en colaboración coas comunidades locais da Ribeira Sacra para sumalas ao proxecto de declaración de Patrimonio Mundial, un cometido que tamén contribuíu á difusión dun patrimonio natural e cultural que descorre polos vales encaixados do Miño e do Sil.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.07.2020.