Ir o contido principal

O novo grao en Xestión Cultural da Facultade de Humanidades recibe eloxios dos profesionais do sector

Facultade de Humanidades da USC
Facultade de Humanidades da USC
O título xa validado pola Secretaría Xeral de Universidades e que comezará a impartirse no curso 2021-22 contempla 11 ámbitos de inserción laboral, segundo subliñou o decano Gonzalo Fernández Suárez nun foro da Federación Estatal de Asociacións de Xestores Culturais
Lugo

O futuro título de grao en Xestión Cultural que comezará a impartir a USC a partir do curso 2021-22 na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo conta co favor dos profesionais do sector, segundo se puxo de manifesto na xornada ‘A xestión cultural, unha profesión por regular’, un foro monográfico promovido pola Federación Estatal de Asociacións de Xestores Culturais que citou en Toledo arredor de 250 participantes e no que o decano Gonzalo Fernández Suárez explicou as motivacións que xustifican esta formación ao tempo que debullou algunhas das características recollidas na memoria dun título que xa vén de ser validado pola Secretaría Xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

Logo de repasar a situación da formación universitaria en Xestión Cultural no ámbito nacional e tamén no contexto europeo, no que abundan máis as propostas de máster, o profesor Fernández Suárez relatou que os títulos de grao en Xestión Cultural ofertados polas universidades españolas poden dividirse en tres grupos: programas centrados na xestión cultural desde unha perspectiva empresarial, títulos que funden a xestión cultural con outras áreas artísticas ou disciplinas creativas e graos que confiren especial atención á xestión patrimonial.

Apoiada nas recomendacións xa incluídas no Libro Branco das Humanidades, o decano da Facultade de Humanidades da USC defende a existencia de programas de grao cunha formación ampla e xeral no ámbito da xestión cultural, ao tempo que reserva os títulos de máster e posgrao para a posterior especialización, un itinerario orientado sempre cara a mellora da inserción laboral das persoas tituladas.

Fernández Suárez indicou neste senso que unha das particularidades que agocha o programa deseñado para o novo grao en Xestión Cultural da USC é que abrangue ata 11 áreas ou ámbitos profesionais nos que se advirten oportunidades de emprego. Para a realización deste diagnóstico sobre competencias que debe reunir o perfil do xestor cultural, a Facultade de Humanidades do Campus de Lugo procedeu a un detallado estudo dos requirimentos incluídos nas últimas convocatorias públicas de emprego de xestores culturais.

A este primeiro diagnóstico sumouse tamén a opinión dunha comisión de asesoramento externa, que abundou na necesidade de que os futuros titulados e tituladas teñan competencias e capacidades no manexo das tecnoloxías de información e comunicación, a fin de dinamizar así a actividade do sector, concluíu Gonzalo Fernández.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.12.2020.