Ir o contido principal

A ACSUG avala a implantación do grao en Xestión Cultural o próximo curso na Facultade de Humanidades da USC

Facultade de Humanidades da USC
Facultade de Humanidades da USC
O informe emitido sobre a titulación é totalmente positivo e non inclúe ningunha observación, salienta o decano do centro universitario lugués
Lugo

Axencia pola Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) avala a implantación do título de grao en Xestión Cultural para o próximo curso académico 2021-2022 na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC, segundo se desprende do informe de avaliación recibido este mesmo mércores no centro universitario lugués.

O decano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández Suárez, manifestou a súa satisfacción pola superación deste novo requirimento. Ademais, engadiu, “o informe é totalmente positivo, porque non fai ningunha observación ás respostas dadas anteriormente ás consideracións previas que a ACSUG fai a todos os títulos de grao e mestrado”.

A ampliación da oferta de estudos de grao na Facultade de Humanidades é unha boa nova tanto para o centro universitario como para o campus de Lugo da USC, comentou o decano, quen, convencido de que o novo título vai ter boa acollida por parte do alumnado, quixo tamén facer partícipe deste logro a todas as persoas e colectivos que colaboraron no deseño do título de grao en Xestión Cultural.

O grao en Xestión Cultural é unha realidade grazas ás achegas e ao traballo realizado por todos os docentes que integraron a comisión redactora do título ao longo de todo proceso de elaboración da súa memoria, dixo Fernández Suárez, quen tamén tivo palabras de agradecemento para os profesionais do sector da xestión cultural que forman parte da comisión asesora externa dun título.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.05.2021.