Gonzalo Fernández: O humanista dedicado a profesionalizar a cultura

Marta Gómez Regenjo
Marta Gómez RIBEIRA / LA VOZ

BARBANZA

ALBERTO LÓPEZ

Foi o responsable da implementación do Grao de Xestión Cultural, unha titulación única no norte peninsular

13 mar 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Leva preto de dúas décadas asentado en Lugo, pero é un cangrexeiro de pura cepa. Nacido en Taragoña, con raíces tamén en Abanqueiro, Gonzalo Fernández Suárez tivo dende sempre inquietude pola historia: «Xa desde a época do colexio e do instituto me gustaba andar fedellando nos papeis antigos que había pola casa. Son o primeiro da familia en dedicarme a isto, é vocacional». Acabar estudando Historia na Universidade de Santiago era pois o paso lóxico a esa inquietude, e hoxe é o decano da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo e un dos principais responsables da implantación en Galicia dun grao único no norte peninsular e que só se imparte en outras dúas universidades españolas, Huelva e Córdoba.

A creación desta nova titulación enche de orgullo a Gonzalo Fernández, un humanista que non só alimenta vocacións entre arquivistas e documentalistas, senón que tamén dedica esforzos á profesionalización da cultura. Precisamente, ese é o obxectivo do novo Grao de Xestión Cultural implantado este curso no campus de Lugo, que nace «dunha demanda social, das necesidades formativas demandadas polo propio sector cultural». Na súa opinión, son varios os alicientes que ofrece esta titulación, ademais dun amplo abano de saída profesionais unha vez finalizados os estudos: «É un grao único que ademais ten unha forte presenza de contidos ligados aos novos medios e formatos dixitais. Outra cuestión importante é que se imparte en dúas modalidades, presencial e semipresencial, e desde logo ten unha forte vocación profesionalizante».

O grao estrutúrase en materias transversais que van desde os idiomas ás novas tecnoloxías aplicadas aos procesos de comunicación cultural, industrias culturais e creativas, márketing, patrimonio artístico, turismo cultural e desenvolvemento sostible, dereito ou ética profesional e cívica, entre moitas outras. Son moitos os esforzos dedicados a este proxecto, e Fernández estará en abril en Ribeira para explicar polo miúdo o seu plan de estudos, pero no é este o único eido que o mantén ocupado.

A curiosidade e a vocación que dende neno tivo pola historia seguen intactas, e iso tradúcese el múltiples traballos de investigación. É un autor prolífico, con artigos en publicacións especializadas, colaboracións en libros e media ducia de títulos propios, un traballo que iniciou coa súa tese de doutoramento, dirixida por José García Oro, e que mantén na actualidade. Un dos traballos que están próximos a publicarse é un libro, La gestión cultural en la era digital, que coordina xunto coa profesora da USC María Dolores Fernández Tilve e que conta con colaboracións de expertos na materia de distintos continentes. Porén, Gonzalo Fernández está especializado na documentación notarial, fundamentalmente, dos séculos XVI, XVII e XVIII. «Decidinme por esa época pola cantidade de información que hai, que ten que ver cunha serie de cambios que se producen nese momento, como o uso do papel e o feito de que os notarios adquiren desde mediados do século XIII a categoría de fedatarios públicos e, polo tanto, aumenta o seu papel na sociedade. É tamén a época de maior personalismo do Reino de Galicia, coa existencia dunha institución representativa do reino como é a xunta dos representantes das sete provincias», explica.

Grupo Atalaia

Móvese con soltura entre os documentos dos arquivos históricos provinciais, principalmente o de Lugo, o Arquivo do Reino de Galicia, o Arquivo Histórico Nacional ou os arquivos catedralicios, entre outros. Cando se lle pregunta para que serve a investigación no eido das Humanidades non dubida: «Non se pode entender o mundo actual sen o aporte das letras».

Neste aspecto, é un dos integrantes e investigador principal do grupo Atalaia da USC, e unha das súas liñas de traballo é o patrimonio documental. É tamén secretario do Centro de Estudos da Historia da Cidade de Lugo, que neste momento ten entre mans a análise dun volume de documentación dos anos 40 referente ao antigo cemiterio lucense.

E no ámbito académico, está especializado en Paleografía, que é o estudo do tipo de letra e a súa evolución histórica, e Diplomática, que ten que ver co estudo da tipoloxía e estrutura dos documentos. Despois de catro anos como vicedecano, no 2019 foi elixido decano da Facultade de Humanidades e foi tamén coordinador do Grao en Ciencias da Cultura. De cara ao futuro, neste eido o reto inmediato é seguir mellorando a oferta formativa e asentar a titulación de Xestión Cultural.