Ir o contido principal

Relatorios, mostras, premios ou recitais conmemoran na USC o patrón da área de Humanidades

A USC conmemora o día do patrón das Humanidades. FOTO: Santi Alvite
A USC conmemora o día do patrón das Humanidades. FOTO: Santi Alvite
Diversas actividades serven para celebrar esta efeméride nas facultades de Humanidades, Filoloxía, Filosofía e Xeografía e Historia
Lugo, Santiago de Compostela

As Facultades de Humanidades no Campus de Lugo e de Filoloxía, Filosofía e Xeografía e Historia, no Campus de Santiago, conmemoran o día do seu patrón San Isidoro de Sevilla. Relatorios, mostras, premios ou recitais serven para celebrar na USC a festividade destes centros.

Humanidades

A Facultade de Humanidades do Campus de Lugo celebrou este martes 26, no salón de graos do centro, o acto conmemorativo da festividade de San Isidoro, patrón das Humanidades, no marco do cal o guía turístico lugués Guido Álvarez ofreceu o relatorio ‘Traballar no eido cultural en Lugo: o proxecto Guido Guía’. O decano da Facultade, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, foi o encargado de abrir esta sesión académica, na que tamén interveu a adxunta á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo, Elvira López Mosquera, ademais da alcaldesa do Concello de Lugo, Lara Méndez. A sesión serviu de marco para a entrega dos Premios Extraordinarios 2020-2021 do grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural a Mariña Pena Blanco, así como do Máster en Servizos Culturais, unha distinción que recaeu en María José López Venancio.

Filosofía

Pola súa parte, a Facultade de Filosofía celebra tamén este martes 26 de abril a festividade do centro, con dúas actividades académicas. A conferencia 'A reconstrución da Historia da Filosofía Española. Do franquismo á España democrática', a cargo de José Luis Mora García, profesor xubilado de Filosofía Española da Universidade Autónoma de Madrid e presidente da Asociación do Hispanismo Filosófico entre 2004 e 2017, abriu este martes o programa de actividades.  Xa en quenda de tarde, no Salón de Actos, José Miguel Sagüillo Fernández-Vega, profesor xubilado de Lóxica e Filosofía da Ciencia da USC e decano da Facultade de Filosofía entre os anos 2017 e 2018, pronuncia a lección maxistral con motivo da devandita festividade. A lección titulada 'Un concepto dinámico e relativo de paradoxo', conta coa presentación do decano, Marcelino Agís Villaverde. A lección foi editada pola Imprenta Universitaria da USC e entregada aos asistentes.

Filoloxía

A Semana de Filoloxía desenvólvese dende este martes 26 ao venres 29 de abril a través dun diverso programa de actividades que servirá para presentar distintos proxectos participativos impulsados dende esta Facultade da USC. Ademais, no marco desta iniciativa coa que se conmemora a festividade do centro, celébrase o Día do Libro que tivo lugar este sábado 23 e que a Facultade celebra ao longo da presente semana.  

Deste xeito, na Sala de Lectura da biblioteca poderá verse unha exposición dedicada á revista Serra d’Or, doazón da Área de Filoloxía Catalá. Esta mostra súmase á inaugurada a semana pasada baixo o título ‘Marginais uma vírgula. Os Malditos sem vírgula Pingentes!’, dotada con 24 gravados que homenaxean un conxunto de escritoras e escritores brasileiros, portugueses e galegos que “foron e aínda son, nunha gran medida, considerados marxinados ou malditos”, tal e como explicou o creador da mostra Francisco Rogido Fins.

Ademais a Facultade renderá tributo aos escritores Joan Fuster e Gabriel Ferrater. “Poderemos desfrutar dunha mostra dalgunhas obras de Joan Fuster, ensaísta e poeta, do que se celebra o centenario no ano 2022”, explicou a vicedecana do centro Alejandra Ulla. “Tamén se recordará o poeta Gabriel Ferrater, xa que o seu poema ‘Si puc’ foi escollido pola Institución das Letras Catalás para celebrar o 21 de marzo, Día Mundial da Poesía 2022”, engade. Por último, ofrecerase unha pequena mostra de libros da cultura gastronómica catalá pertencentes á BUSC e á Área de Filoloxía Catalá.

O mércores 27 a Facultade conmemorará o Día do Libro coa lectura continuada de textos literarios por parte do alumnado e profesorado da Facultade, entre as 10.00 e as 15.00 horas. Xa en quenda de tarde, presentaranse dous dos proxectos participativos que se levaron a cabo durante o curso académico e que contaron coa intervención de alumnado e profesorado: o Club de Lectura e a Revista Fósforo.

Na mañá do día 28, “agasallaremos a comunidade cun exemplar do libro De pedra a azulexo, que recolle as obras premiadas no VI e VII Concurso Literario Mazarelos dos anos 2020 e 2021”, continúa a vicedecana. En quenda de tarde, representaranse obras teatrais dos dous grupos da Facultade (Miserables e Cras), de novo froito dos proxectos participativos levados a cabo no presente curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2022.