Ir o contido principal

Gonzalo Fernández: “Hai interese doutros centros por convenios de intercambio e deseñar títulos conxuntos”

Gonzalo Fernández Suárez foi reelixido decano de Humanidades. FOTO: Carlos Castro
Gonzalo Fernández Suárez foi reelixido decano de Humanidades. FOTO: Carlos Castro
O profesor tomou posesión do seu cargo como decano da Facultade de Humanidades tras resultar reelixido nas eleccións do 11 de outubro

“Hai sinerxías que parecen indicarnos que estamos no camiño correcto. Unha delas é o interese que dende outros centros universitarios do territorio nacional e estranxeiro veñen manifestando xa sexa por convenios de intercambio, por facerse seguidores das nosas actividades a través das redes sociais e incluso polos intentos de deseñar títulos conxuntos”. Así reivindicaba este martes a boa aceptación que está a ter o grao en Xestión Cultural o decano da Facultade de Humanidades, Gonzalo Fernández Suárez, na súa toma de posesión como decano do centro, tras ser reelixido en outubro. Nun acto institucional presidido polo reitor Antonio López e no que tamén interveu a secretaria xeral da USC, Dulce María García Mella, Gonzalo Fernández salientou o importante papel do estudantado “polo seu dinamismo á hora de participar nos órganos de goberno do centro e implicarse nas actividades que se organizan”, concluíndo que “non se pode ter mellores embaixadores e embaixadoras do que facemos dende esta Facultade”.

Durante a súa intervención, o reitor Antonio López, ademais de facer unha lembranza sentida da finada profesora Ana Goy, agradeceu a implicación tanto do equipo de goberno saínte como a do entrante, que afrontará os vindeiros anos de traballo,  compromiso de responsabilidade que considera clave para preservar a autonomía universitaria. O reitor aproveitou o acto para poñer en valor o papel das humanidades polo seu carácter transversal e por representar un coñecemento básico e sustento para outros estudos. Neste papel vertebrador, López recoñeceu o traballo da Facultade de Humanidades de Lugo pola súa aposta a prol do desenvolvemento de novas fórmulas de impartición de graos que permiten, neste ámbito de estudos, responder as demandas sociais.

Pola súa banda, Gonzalo Fernández lembrou que “a nova orientación dos nosos títulos abre tamén posibilidades formativas dentro do grande e variado ámbito da Xestión Cultural para a cal sinceramente o noso centro brinda as condicións idóneas: unha experiencia contrastatada en base á súa oferta formativa, un profesorado especializado por ter acometido unha profunda reciclaxe da súa actividade docente e a mesma capacidade de localizar e deseñar posibles itinerarios formativos en base a tres criterios fundamentais: ser únicos, orientación profesionalizante e conexión co tecido económico e social”. Subliñou, en definitiva, “a súa singularidade dentro do conxunto de centros da área de Artes e Humanidades non só en Galicia, senón tamén en gran parte do Estado”.

O decano tivo ademais palabras de lembranza para Ana Goy, que lle dá nome ao Salón de Actos da Facultade desde maio de 2023, acción coa que se “pretende tributar unha sentida homenaxe e manter viva a memoria da profesora Ana Goy Diz en canto ao exemplo que ata o último momento nos brindou da súa calidade humana e profesional”.

Gonzalo Fernández, profesor da área de Ciencias e Técnicas Historiográficas do Departamento de Historia da USC e autor de numerosos artigos e publicacións académicas, renova o seu mandato acompañado polo profesor da área de Lingüística Xeral Miguel González Pereira, en calidade de vicedecano, e a tamén docente da área de Historia da Arte Miriam Elena Cortés López, como secretaria, que continúan tamén como membros do equipo de goberno.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2024.