Ir o contido principal

Humanidades tece un fío simbólico entre as persoas maiores e as xeracións máis novas a través da mostra ‘Impresións’

A mostra pode visitarse nos corredores de Humanidades
A mostra pode visitarse nos corredores de Humanidades
O preto dun centenar de pezas que integra a exposición acompáñase das percepcións que experimentaron persoas maiores no intre de contemplar as imaxes propostas por xente nova de toda Galicia
Lugo

Tecer un fío simbólico entre os maiores e as xeracións máis novas é unha das metas que persegue a exposición ‘Impresións’ que pode visitarse no vestíbulo e nos corredores da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo ata o 23 de maio. O preto dun centenar de pezas que integra a mostra está acompañada por pequenos textos e, nalgúns casos, tamén por audios, nos que se recollen as percepcións que experimentaron persoas maiores no intre de contemplar as imaxes propostas por xente nova de toda Galicia. A iniciativa xurdiu no marco da materia ‘TIC Aplicadas aos Procesos de Comunicación Cultural’ do primeiro curso do grao en Xestión Cultural e consistiu na creación dun formulario en liña a través do que a mocidade podía enviar imaxes que fosen representativas para cada persoa participante.

“Recibíronse 80 imaxes, das cales, 22 foron seleccionadas para convidar a persoas maiores a que falaran delas”, explica a profesora da USC, María Valcárcel, quen tamén subliña que no marco da materia que imparte quérese “situar a cultura no centro da acción social, capaz de artellar un mundo atravesado pola tecnoloxía e capaz de dar resposta aos interrogantes dunha época complexa”. Baixo esta premisa, xurdiu un proxecto que permitiu dar voz a unha xeración que acaba de comezar o grao en Xestión Cultural e que “busca non só aprender, senón tamén expresarse”, ao tempo que facilita que os e as maiores conecten coas inquedanzas da mocidade.

A importancia da memoria dos maiores para a vida presente e a importancia do presente, das significacións do presente, vertebran esta mostra que contou durante a súa xestación cunha plataforma dixital para gravar, recoller  e difundir os audios nos que as persoas maiores valoran as imaxes. “Tamén lle prestamos especial atención á materialización da exposición nun espazo real, co obxectivo de que o estudantado levara a cabo, dende o principio, todas as fases do proceso de xestión dun proxecto coma este, co esforzo e a responsabilidade que supón, así como a aprendizaxe da planificación, a adecuación do proxecto a imprevistos e a realización dun plan de comunicación en redes”, destaca a profesora Valcárcel.

Permitir á xente nova expresarse, comprobar se os códigos visuais dos máis novos son comprensibles polas persoas maiores, analizar a percepción que teñen os maiores da xente nova e atopar puntos en común entre xeracións son os obxectivos nos que se mergulla esta iniciativa da Facultade de Humanidades da USC que foi inaugurada este xoves 9 polo adxunto para o campus de Lugo, Antonio Álvarez Rodríguez; o decano do centro, Gonzalo Fernández Suárez; a profesora Valcárcel e o estudantado da súa materia.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.05.2024.